lunes, 27 de febrero de 2017

Panorámica da industria audiovisual en Galicia

CINE

O inicio do cine galego  atopámolo nos anos 20 con «Pontevedra, cuna de Colón» que se proxectou no Teatro Principal da capital pontevedresa, era unha mediametraxe documental. Pero debemos saber  que, nesta época, máis que cine galego, encontrámonos, sobre todo, con películas españolas que conteñen temáticas galegas, como é o caso de «La Casa de la Troya», inspirada na vida estudantil de Compostela a comezos de século.
Nos anos 30, a produtora de Xosé Gil, un dos pioneiros no ámbito da empresa cinematográfica galega, acumulaba unha boa parte da produción galega audiovisual, filmando todo tipo de documentais. Pero en 1935 o negocio pechou.
No ano 1937, o filme «Galicia/Finisterre», onde Carlos Velo Cobelas tratou de documentar a Galicia interior e mariñeira, gañou o primeiro premio da Exposición Internacional de París, pero, a Guerra Civil impediu a súa normal distribución.
Logo, da man do produtor Víctor Ruppén e o seu grupo Imaxe, chegamos á década dos 70, este foi quen introduciu un formato semiprofesional coma o de 16mm en varias das súas curtametraxes para, despois, no ano 1980 reaparecer como produtor asociado en Malapata, a primeira e malograda longametraxe do cinema falado en galego.
A década dos 80, supuxo unha crise de identidade, pero a pesar disto, Xoán Pizás, xunto coa súa muller, fundaron a produtora Atlántico Films. Ademais, cómpre destacar que este foi o primeiro galego en adherirse á corrente danesa Dogma.
Despois, no ano 1983, o nomeamento do xornalista Xosé Luís Álvarez Pousa como Director Xeral de Cultura, veu a supoñer un pulo para o cinema galego, xa que deseñou un programa audiovisual que contempla por primeira vez as subvencións. E no ano 1989, o goberno tripartito deu a coñecer os logros máis importantes da súa política coa estrea en Vigo das tres primeiras longametraxes en 35mm do cine galego como son «Urxa» de Carlos L.Piñeiro, «Sempre Xonxa» de Chano Piñeiro e «Continental» de Xavier Villaverde.
A principios da década dos 90 a industria audiovisual dotouse dunha estrutura coa que abordou a nova etapa, aínda que a produción seguiu marcada polos cortos e as mediometraxes, no ámbito das largometraxes destacaron «La novia de medianoche» de Antonio Simón, a cal fracasou; «Nena» de Xabier Bermúdez e «Fisterra» de Xavier Villaverde que foi un éxito de masas.
Na actualidade contamos con produtoras como Agallas FilmsAmanita FilmsBambú ProduccionesCentroña Producciones Audiovisuais, entre outras. Ademais tamén temos unha serie de películas destacadas como son « El Bosque animado», «Mar Adentro», «Celda 211», «O lapis do carpinteiro», «Vilamor», «A esmorga», «Sicixia»,«A Praia dos afogados»…
Por outra banda, cómpre dicir tamén que desde o inicio da década dos 90 do século pasado, a consolidación profesional do sector da produción cinematográfica en Galicia, coa progresión e asentamento dunha regularidade na súa práctica, posibilita que xurdan diferentes agrupación pertencentes aos distintos gremios laborais que integran o tecido industrial. Coa finalidade de protexer os seus dereitos e ampliar obxectivos, función e campo de acción, estes colectivos comezan a reunirse a constituírse en asociacións. Aparecen con este propósito iniciativas como a Asociación Galega de Produtoras Independentes (agapi), mediadora ante as institución na defensa dos dereitos das produtoras, vai desenvolver un papel dinamizador empresarial, fundamental considerarse sector estratéxico o conglomerado audiovisual. Agapi pertence a Fapae (Federación de Asociación de Produción de España),ó tempo que mantén un estrito contacto con Egeda (Entidade de Xestión de Dereitos Audiovisuais dos produtores españois), ademais de procurar contactos e colaboracións con empresas insertadas no mercado internacional. Nove das principais empresas do sector audiovisual galego presentes en Agapi forman en xullo de 2001 AEGA, que entrelaza e coida os intereses dos seus asociados, promovendo o desenvolvemento e internacionalización do traballo realizado.
Tamén temos o Clúster Audiovisual Galego (CLAG) que é unha alianza de 49 das compañías que conforman a industria galega. Coa colaboración do Igape e da Obra Social Caixa Galicia e por medio desta asociación, as empresas que interveñen no proceso de produción e distribución de pezas audiovisuais van na procura de innovación e investigación no ámbito das novas tecnoloxías, formulan o aumento do volume de negocio, potenciando a competitividade e a creación de sinerxias, ademais da mellora das vías de financiamento e o fomento da investigación.

TELEVISIÓN

En xullo de 1985, a Televisión de Galicia comezou as súas emisións, e tras un tempo de probas, en setembro do mesmo ano xa comezou a súa andadura con 39 horas de emisión á semana. Logo, no ano 1996 comezou a emitir por vía satélite do canal TVG América e no 1997 xa empezou a emitir tamén en Internet, sendo un dos primeiros canais europeos.
Na actualidade emite as 24 horas do día, conta cunha programación totalmente en galego salvo algunhas excepcións como anuncios que se manteñen en castelán ou os informativos que están destinados á súa emisión no canal Galicia TV América e ten un 80% de produción propia. Os estudos centrais da CRTVG están situados en San Marcos (Santiago de Compostela). Pero convén saber que a gravación de moitos dos espazos da cadea encárgaselle a produtoras como a Produtora Faro que se atopa en Vigo, CTV en Santiago, Voz Audiovisual situada na Coruña, e outras.
En Galicia, consúmese menos televisión que no resto de España segundo os datos ofrecidos polo Estudio General de Medios (EGM) e por Sofres. E en canto ao reparto de audiencia das canles autonómicas, a canle galega segue tendo un bo comportamento situándose en boa posición.

MULTIMEDIA

Na industria multimedia galega, os principais problemas gardan certos paralelismos cos que afectan ao desenvolvemento da súa industria audiovisual: fragmentación e minifundismo empresarial, deseño de produtos locais sen ambición de mercado nacional ou internacional, escasa formación tecnolóxica ou empresarial e ausencia de estratexias globais de produción .
Por outra parte, o mercado en Galicia ofrece poucos “clientes reais” a maioría con presupostos escasos, polo tanto, a industria multimedia non dispón dun mercado interior o suficientemente dinámico para un desenvolvemento continuado tanto no aspecto tecnolóxico como no empresarial.
Un primeiro grupo de actividades da industria multimedia son produtos off-line por exemplo xogos, presentacións corporativas e aplicacións informáticas. A empresa de produción off line pioneira en Galicia foi a coruñesa Filloa Records. Outra empresa xa veterana é a viguesa Interacción. As restantes empresas multimedia galegas teñen como denominador común a súa xuventude: todas emerxen a partir do ano  2000.
A produción e o deseño de contidos interactivos on line para institucións ou empresas é a actividade económica fundamental das produtoras multimedia en Galicia, como consecuencia da expansión de Internet obrada nos últimos anos.

PUBLICIDADE

En Galicia contabilizáronse arredor de 37 empresas operadoras no ámbito da produción audiovisual publicitaria.
No ano 2001 os ingresos totais das empresas publicitarias eran superiores aos 6 millóns de euros.
É importante resaltar que a publicidade supón menos da terceira parte dos ingresos destas produtoras, o cal pon de manifesto o baixo índice de especialización das empresas audiovisuais en Galicia.
A maior parte das axencias de publicidade galegas están localizadas en Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela. Entre as principais axencias temos EcovigoLuís CarballoImaxe, entre outras.
En Galicia temos distintas tipoloxías de empresas audiovisual adicadas á produción publicitaria. Por un lado as que realizan vídeos industriais para pequenas e medianas empresas e por outra parte existe un número reducido de empresas cunha actividade regular en produción publicitaria.


BIBLIOGRAFÍA (Segundo APA)


Lista de produtoras galegas. Recuperada do Cluster Audiovisual Galego: http://www.clag.es/es/socios/productoras

Breve Historia do Sistema Galego. Recuperado de Vieiros: http://vello.vieiros.com/cinemagalego/historia.html

Cabo Villaverde, J.L. e Fernández, M. A. (2008) Dicionario do cine en Galicia 1896-2008. Galicia: Foro galego do audiovisual.

Vázquez Torrón, S (2003) Audiovisual galego. Galicia: Xunta de Galicia.

1 comentario: